1 TÍTULO: LUME

-Lumeee…, berraba unha multitude carraxenta armada de fouciños, orquillas e gadañas asediando o castelo.

-Queredes lumeee? Preguntaba o conde desafiante dende a torre da homenaxe rodeado dos seus esbirros.

-Siiiiii…

-Pois aquí o tedes, replicaba o conde acendendo un chisqueiro: un clipper, mercado no estanco dos Mouzo.

2  TÍTULO: A FORCADA

Esta noite collo a forcada, de hoxe non pasa que o inferno se vos presente.

Todas as miñas forzas e as dos meus irmáns estan aquí, loitamos pola igualdade, xustiza, futuro e tamen pola fame e a morte que nos axexa.

Se mañan aínda respiro so será porque o conseguimos.

3  TÍTULO: PEQUENOS XESTOS QUE XERAN GRANDES XESTAS!

  • Chúchannos o sangue, mátannos! Esmaguémolos!- bramou Xan

Arengados, os restantes membros da Fusquenlla ergueron os fachos encamiñándose cara a fortaleza. Aquela noite, caería o primeiro Castelo, comenzando a Revolta Irmandiña.

Dubitativo, Xan remoía si confesarlles que as súas verbas non ían dirixidas aos infames nobres, senón aos voraces mosquitos.

4  TÍTULO: Século X(V)XI (3º premio)

  • Fóra inxustizas! Liberade ao pobo! – berraba
  • A mamá perdiu a cabesa, pensa que andamos no medio dunha revolta irmandiña do século XV- sinala ao castelo mentres pasea cunha amiga.

As dúas ollan a fortaleza. Salta unha noticia no móbil, «Israel bombardea de novo Palestina».

  • Quizais non estea tan confundida…

5  TÍTULO: CRÓNICA IRMANDIÑA (ANO 1467)

Entraron en Vimianzo ao mencer. Sen sangue, sen medo. Os veciños derrubaron a torre cun estrondo que espertou ata os defuntos. Un neno colleu unha pedra e dixo:

-Agora somos libres.

Escribo isto ás présas. Non sei quen manda, pero hoxe non mandan eles.

6  TÍTULO: AS TORRES

Unha lixeira néboa empaña o aire e desdibuxa as formas. O eco xordo dos pasos pérdese entre as rúas baleiras. O grupo móvese coma un só ser pegados buscando o contacto co outro. Entón aparece a figura das Torres Arzobispais magnificada polas sombras coma un monstruo preparado para atacar.

7  TÍTULO: O FÍO DA FOUCE (1º premio)

Das cinzas herdei o silencio dos que calaron, a fouce no meu puño, pesada e fría. Camiño sen medo, sabendo que o lume non morre, que a historia latexa en cada paso meu.

8  TÍTULO: XUSTIZA IRMANDIÑA

Xuntouse a xente da terra de Soneira en Santa Irmandade farta dos abusos dos señores de Moscoso, puxeron unha sábena branca, botaron man de fouces, argallaron un ariete e derribaron a porta do castelo de Vimianzo. Hoxe a cruz do Laureiro lembra aos sete irmandiños axustizados.

9  TÍTULO: A NOITE MÁIS NEGRA

A noite era escura, ela corría por unha corredoira estreita,; arrastrada, ferida e sen folgos. Nese momento deuse conta de que Alfonso xa xacía inerte o seu carón. Ela notou como as bágoas escorregaban pola sua meixela.

Secounas coa manga; púxose en pé e enfrontando os gardas berrou ¡LUME!

10   TÍTULO: DISPOSTO A LOITAR!

Hoxe non chego a cear!

Advertíranmo. Non argalles nos trebellos do avó!

El, críase inventor. Pero, os seus cachifallos raramente funcionaban.

O erro foi manipular aquel reloxo crendo que non furrularía. Pero, aquí estou, no século XV, en plena Revolta Irmandiña.

Disposto a loitar namentres descubro como retornar ao presente.

11   TÍTULO: IRMANDADE

Anxo subiu á rocha da Arca. Mirou para os Fonseca, Mariño e Castro, viñan de Baíñas, Calo e Vimianzo. Levantou a maza e falou alto

-Hoxe todo remata. Hoxe mataremos polos nosos, pola nosa terra —berrou coa rabia de quen sabe que está a piques de morrer— Hoxe, todos irmáns!

12   TÍTULO: MOZO IRMANDIÑO

Nunca matara.

Pero vin ao soldado rir mentres prendía lume na horta de Maruxa. Ela quedou sen nada.

Agora son eu quen leva o machado. Non por odio.

Por xustiza.

13   TÍTULO: A MIÑA LOITA (2º premio)

O meu home morreu escravo do señor. O meu fillo, de fame. Erguín a fouce coas mans sangrantes e a alma ardendo.

Non fun soa: viñeron irmás, vellas e novas. Xuntas tombamos pedras e medos.

Caeu o castelo. A vinganza soubo a xustiza. E por fin, tamén nós fixemos historia.

14   TÍTULO: A NOITE DAS PEDRAS-XALLAS

O lume incendiaba a escuridade. O ruído era a conta atrás para a caída do Castelo. As fouces e os sachos dominaban a terra por unha noite. As pedras batían con forza, intentando que o abrente chegase cunha única luz: a liberdade

15   TÍTULO: PREPARADOS PARA A BATALLA

Os raios caían e os tronos facían tremelar o chan. Estaba listo para o asalto, coa lanza na man e o corazón a mil. Escoitei os pasos do resto dos irmandiños que se preparaban para o asalto.

-Irmandiños! Xa!-Berrei.

O resto foi sangue e historia.

16   TÍTULO: XUSTIZA NOBILIAR

Téndonos amordazados, o Mariscal enunciou o seu consello: «Enchede os carballos dos vosos vasalos, señor». Chamouno xustiza, mais o brillo dos ollos delataba a súa ledicia.

Aínda descoñezo por que nos ceibaron.

Dende entón, o máis maino asubío da airexa entre a carballeira, lonxe de acalmarme, arríncame o sono.

17   TÍTULO: NOBRE FUXINDO

Miraban para min como se eu fose o demo.

Viñeron con paus e cordas, berrando coma se tiveran razón.

¡Lume! Gritaban iso.

Agora corro pola lama.

Quizais, por primeira vez, entendo que tiñan fame. E rabia.

18   TÍTULO: A ÚLTIMA MIRADA ANTES DO ASALTO

Mirámonos de esguello. El e máis eu. Dúas almas espidas con auténtica franqueza. Faltaban apenas segundos para tirar abaixo a porta dos señores. O silencio era sepulcral, quizais xamais volvésemos a bicarnos. Non importaba, o noso amor era invencible e ainda non o sabíamos.