Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

Como chegar

Portada · Como chegar

7

Vimianzo é a capital histórica da Terra de Soneira, corazón da Costa da Morte. Está xeograficamente localizado no centro deste xeodestino, polo que é un lugar ideal para poder moverte aos diferentes puntos de visita deste máxico territorio.

En coche deSde A Coruña

Desde A Coruña. 45 min. A autovía da Costa da Morte (AG-55) chega practicamente á vila, polo que vas ter un percorrido moi cómodo e directo.

En coche deSde Santiago

Desde Santiago de Compostela. 50 min. A opción máis cómoda é coller a autovía en dirección a Noia (AG-56), saír en Bertamiráns cara a Negreira, e despois ir sempre dirección Muxía. Unha vez entres no concello de Vimianzo, e pases Baíñas, verás un sinal indicando Vimianzo á túa dereita. É só seguir os sinais!

En transporte público

Podes chegar en bus desde A Coruña e Santiago de Compostela, e tamén desde localidades como Cee ou Carballo. Consulta horarios e rutas en bus.gal

A vila de Vimianzo

O castelo de Vimianzo é o noso símbolo. Se vés ao Asalto non podes deixar de visitalo e coñecer a súa historia e a Mostra de Artesanía ao Vivo. Estes son os seus horarios.

Pero hai moito máis alén do castelo. Vimianzo é a vila do vento, a que está no mar sen estalo, pois decidimos vivir nun resgardado val, fechado por montes onde habitan cabalos e lobos, val que se estende ao océano Atlántico cara ao mar de Traba.

A vila situouse ao pé do castelo, onde tamén se asentaron diferentes familias fidalgas ao servizo da xestión dun castelo que controlaba toda a Terra de Soneira. Así, na propia zona urbana podemos admirar o fermoso Pazo de Trasariz ou o de Trasouteiro.

O río forma parte do noso tempo de lecer, sobre todo desde a construción do paseo fluvial, e antes de traballo, con muíños como o da Agra, onde cada mes de outubro se celebra a festa da Muiñada.

As vimiancesas e vimianceses vivimos en todo o Val, nas aldeas que circundan as ladeiras dos montes do Faro ou o San Bartolo, desde onde podes gozar dunhas vistas magníficas que chegan ao Atlántico.

Na Idade do Ferro, decidimos instalarnos no fondo do Val, e para iso levantamos unhas grandes murallas. O castro das Barreiras érguese á beira da estrada, como o castelo. Dúas fortificacións separadas por máis de mil anos, pero cunha lenda que di que estaban conectadas por un longo túnel.

Recentemente descubríronse uns petróglifos a un paso do centro urbano, os do Prado da Cruz. Recomendámosche visitalos á tardiña, coa máxica luz do solpor.

O Concello de Vimianzo

Se che gusta o patrimonio, Vimianzo non se visita nun día. Temos a sorte de vivir nun concello extenso, que vai do Atlántico ao Xallas, drenado polo río do Porto, cun legado natural, histórico, artístico, etnográfico e inmaterial moi potente, que xa se inicia na cultura megalítica.

A Ruta dos dolmens permíteche descubrir antas impresionantes ao longo de todo o municipio nunha ruta para facer en coche ou bicicleta. Se non tes tempo a facela enteira, non podes perder Pedra Cuberta, Pedra Moura ou Pedra da Arca.

Da arte rupestre vimiancesa, tes varios conxuntos sinalizados como os de Berdoias e Boallo, ou, sen saír da vila, os do Prado da Cruz.

E xa que estás vestido con look medieval, por que non aproveitar e sacar unha foto nas igrexas románicas de Cereixo, Tines e Baíñas ou no máxico cruceiro dos Santos? Aproveita esta ruta de arquitecturas do medievo en Vimianzo.

Asombrarse co Porto de Cereixo, respirar o Atlántico en Sabadelle, ver os batáns do Mosquetín en funcionamento Poderíamos seguir, pero aquí che deixamos dez sitios que visitar en Vimianzo.

Para camiñar, hai tres rutas de sendeirismo sinalizadas: a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, os Segredos do Val de Vimianzo e o Vieiro Fidalgo. Ademais, rutas longas como o Camiño dos Faros, o Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil e a Vía Mariana Luso-Galaica pasan polo noso concello.

Vimianzo é un lugar magnífico para ver as estrelas, e por iso somos Destino Starlight, xunto co resto da Costa da Morte.