Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

O 29º Asalto ao Castelo de Vimianzo presenta a súa intensa programación

Portada · Novas · O 29º Asalto ao Castelo de Vimianzo presenta a súa intensa programación

7

O Castelo de Vimianzo acolleu esta mañá a presentación de todos os detalles da programación dun dos eventos máis singulares do verán galego: o Asalto ao Castelo, que este ano celebra a súa 29ª edición. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase formalmente os días 3 e 4 de xullo, aínda que ese será o golpe definitivo tras semanas de intensa actividade cultural, deportiva e gastronómica que involucran a toda a comarca. Xa podes conseguir aquí as túas entradas.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o portavoz da organización e membro da AC Cherinkas, Manuel Rial; Marta Miñones, en representación de AXVALSO; Loreto Rodríguez, responsable de medios gañados de Hijos de Rivera; Vanessa Caamaño, do Terra de Soneira C.D.; e Cristina Landeira, en representación do sector hostaleiro dos Pinchos Irmandiños.

O portavoz da organización, Manuel Rial, debullou un programa que supón “un paso adiante na madurez e profesionalización do festival sen perder un ápice da nosa esencia veciñal e asociativa”. Rial quixo poñer en valor o esforzo do equipo: “Presentar un cartel destas dimensións, onde convivimos co tecido social, con grandes nomes no cartel e con propostas tan coidadas na programación cultural, é un orgullo que só é posible grazas ao motor da veciñanza de Vimianzo”.

Pola súa parte, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu “o incansable traballo colectivo que, durante moitos meses, desenvolve a organización para que Vimianzo sexa o epicentro cultural de Galicia a comezos de xullo”. Rodríguez fixo fincapé en que “hoxe en día, ser de Vimianzo significa ser irmandiño; este festival transcendeu a música para converterse no noso maior patrimonio inmaterial, un orgullo sostido por un tecido veciñal único e o apoio firme de patrocinadores e institucións”.

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, subliñou o firme compromiso da Deputación da Coruña co evento: “O Asalto ao Castelo é o exemplo perfecto de como o patrimonio histórico e a memoria colectiva poden revivir a través da cultura, a gastronomía e a festa. Sen o pobo, esta festa non sería posible”.

En representación da hostalaría local, Cristina Landeira destacou a consolidación dos Pinchos Irmandiños, que chegan á súa 17ª edición: “A nosa hostalaría volve demostrar a súa creatividade con esta proposta de arqueogastronomía medieval única en Galicia. Ofreceremos propostas de calidade entre o 30 de xuño e o 4 de xullo, adaptadas tamén ás demandas actuais “.

Nesta ruta gastronómica na que non se poden consumir alimentos chegados de América (como o tomate ou a pataca) participan un total de 11 locais, cun prezo de 3,50 € polo petisco individual ou de 4 € se se opta polo paquete que inclúe un quinto de cervexa ou auga. Votarase para outorgar tres premios ao establecemento mellor decorado e un galardón á mellor proposta culinaria. Así mesmo, o público que complete o itinerario entrará no sorteo dun lote de cervexa e conseguirá un premio especial.

Un evento especial é a Legua Irmandiña, que fai dez anos. Vanessa Caamaño do Terra de Soneira C.D. animou a participar “nunha carreira cun percorrido bastante chan e unha meta impresionante, no propio castelo de Vimianzo”.

Un programa completo para vivir a revolta

A programación arrincará do 22 de xuño ao 3 de xullo co Campamento Infantil de temática medieval, apoiando o relevo xeracional da paixón irmandiña.

O venres 26 de xuño a narración oral tomará o Castelo co Festival Atlántica da man de María da Pontragha (20:00 h), xusto antes de que, a medianoite, feche o prazo para a segunda edición do II Certame de Microrrelatos Irmandiños.

O sábado 27 de xuño o Patio de Armas vivirá unha mañá de divulgación histórica cunha Mesa de Reflexión sobre a Historia Irmandiña na que participarán Anselmo López Carreira, Carmen Blanco Sanjurjo e Miguel García-Fernández (este último abordando o poder feminino na Idade Media coas Moscoso). Xa pola noite (21:00 h), a épica carreira deportiva da Legua Irmandiña cumprirá dez edicións coa súa tan singular meta no foso do castelo.

A previa do Asalto: o mércores e o xoves de rúa

O mércores 1 de xullo arrancará o XV Circuíto Musical cos cantos de taberna da Coral O Son do Val. O xoves 2 será a quenda dos máis pequenos na IV Tarde-Noite Infantil Meiga no foso (17:00 h), dando paso ao XIII Espazo Artístico Itinerante, e ao xa consolidado Des-enterro Irmandiño, no que as gamberras ánimas de palleiro se unen en aquelarre chamando á loita na Praza do Concello (23:00 h).

O venres 3 de xullo: Gran noite de concertos e Cea Medieval

A xornada do venres comezará ás 19:00 h cos ritmos da A.C. Trubisquiña e o Espazo Itinerante. Tras o circuíto con Dautaka e a ofrenda de Cé Orquestra Pantasma, celebrarase a XV Cea Medieval no foso, co Pallaso Blanco, música e a tradicional queimada do druída Miguel Queiro. As ansiadas entradas para a XV Cea Medieval poderán conseguirse a partir do xoves 28 de maio.

A gran novidade da xornada será na XIV Noite Meiga (zona de concertos), que este ano require a retirada previa de entrada. O escenario tremerá co punk-reggae internacional de Che Sudaka, a enerxía de Quinkillada, Ulex e o divertido peche da Yaya DJ.

O sábado 4 de xullo: O gran día da feira, moita actividade, unha macro sesión vermú e a gran batalla

A Praza do Concello acollerá durante todo o día a XIV Feira Artesanal, obradoiros de Xogoflexia coa Cruz Vermella, xogos de mesa medievais e o mago Iván Tourís, ademais do Torneo de Xadrez de Rápidas por parte de INCUDE.

A organización decidiu este ano apostar con forza pola sesion vermú no Espazo Neghra Sombra, que se expande con tres potentes propostas: os vimianceses Coídos, a proposta queer do Rabelo e Nenaza e os virais Tapa d’Orella, sumados ao circuíto coa Lilicleta.

Pola tarde, o Asaltiño convocará as tropas infantís para o ataque ao foso ás 17:00 h nunha poderosa batalla de auga da que fuxir ou mergullarse. Haberá obradoiro de baile tradicional con Cris Canosa, a emotiva Viaxe no Tempo no Patio de Armas cos personaxes da historia do castelo interpretados pola mocidade vimiancesa, torneos de Carcasonne, e o concerto do angolano afincado en Galicia.  Alberto Mvundi.

Un dos momentos máis importantes do día chegará co desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira, o encontro guerreiro das diferentes parroquias que compoñen o antigo territorio gobernado polo castelo (actuais Camariñas, Laxe, Zas, Cabana e Vimianzo). Ás 19:45 h, as Festiletras do Couto encargarase do Pregón e o izado da Bandeira Irmandiña, seguindo a tradición destes últimos anos de convidar a festivais irmáns como o Irmandiño de Moeche ou a Carballeira de Zas.

A Noite de Concertos (con entradas e abonos dispoñibles en asaltoaocastelo.gal) arrancará ás 20:30 h con De Ninghures. Ás 22:00 h será o concerto dos vascos En Tol Sarmiento (ETS), que servirá de antesala para o momento cumio: o ASALTO AO CASTELO (23:30 h), a recreación teatral e a batalla final de globos de auga. A festa continuará co rock de Dakidarría (01:00 h), o “guarrocanrol” de Los de Marras (02:30 h) e a loucura dos Festicultores (04:00 h).

Domingo 5 de xullo: Clausura

O punto final porase cunha visita guiada, as visitas teatralizadas dos Quinquilláns no Castelo, a sesión vermú con Medio Quinhón na Praza Castelao e, como despedida, a narración oral de José Luis Gutiérrez “Guti” no Castro das Barreiras dentro do Festival Atlántica (20:00 h).

 

Comparte!