O Asalto ao Castelo de Vimianzo reforza os dous días de festival. Tras anunciar un sábado 5 de xullo estelar, a organización desvela o cartel completo do venres 4 de xullo, que contará coa enerxía mestiza de Che Sudaka, o pop-rock irreverente de Monoulious DOP e a sesión ecléctica de La Yaya Dj. Unha fin de semana irmandiña que promete e que aínda agocha sorpresas.
O venres 4 de xullo, Vimianzo vibrará ao ritmo de Che Sudaka, referentes internacionais do mestizaxe con sons de cumbia, ska e punk. A banda, cunha traxectoria de máis de dúas décadas, promete unha festa reivindicativa, marca da casa.
Monoulious DOP presentará o seu ‘Chándal Metal Tour’, un espectáculo que fusiona rock, funkipop e disco con estética retroactual. A banda, coñecida pola súa enerxía contaxiosa, garante un concerto de baile e risas.
La Yaya Dj fechará a noite do venres cunha sesión ecléctica que mestura temas de onte e de hoxe, facendo que sexa difícil deitarse para un sábado que virá cargado de actividades.
Estas incorporacións reforzan o venres como unha auténtica noite de festival, sumándose ao xa anunciado sábado 5 de xullo, que contará coas actuacións de Alana, The Rapants, Heredeiros da Crus, Firkin e Mekanika Rolling Band.
O festival posterior á Cea Medieval do venres continuará sendo de entrada gratuíta, mentres que os concertos do sábado requirirán a compra de entradas, que se poden adquirir en en woutick.es.
O Asalto ao Castelo, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, prepárase para unha potente edición que combinará música, historia, teatro e gastronomía nunha fin de semana inesquecible na Costa da Morte.