Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

O Asalto ao Castelo de Vimianzo, finalista nos Premios Martín Códax da Música

Portada · Novas · O Asalto ao Castelo de Vimianzo, finalista nos Premios Martín Códax da Música

7

O Asalto ao Castelo de Vimianzo foi escollido como un dos tres finalistas na categoría de Festival dos XII Premios Martín Códax da Música, un recoñecemento á súa traxectoria e á súa singularidade dentro do panorama musical e cultural galego. A organización recibiu con gran alegría a noticia trala deliberación do xurado profesional entre as 25 candidaturas presentadas.

O anuncio realizouse nun evento celebrado nas Bodegas Martín Códax en Cambados, onde se desvelaron os nomes dos proxectos que continúan na carreira por este prestixioso galardón da música galega.

Tras unha selección por parte do xurado profesional entre as 25 candidaturas presentadas na categoría de festivais, o Asalto ao Castelo de Vimianzo comparte a honra de ser finalista xunto ás Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela) e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela).

Este recoñecemento supón un importante respaldo ao traballo voluntario de moitas persoas que, desde o asociacionismo, fan posible un festival que este ano celebra a súa 28ª edición. O Asalto ao Castelo naceu en 1996 da man da asociación AXVALSO e continúa sendo organizado pola asociación cultural Cherinkas, mantendo intacta a súa filosofía sen ánimo de lucro e o seu forte vínculo coa comunidade local da Terra de Soneira.

Agora, ábrese un período de votación até o 25 de maio. Tanto as socias de Músicas ao Vivo, como o público xeral poderá expresar o seu apoio a través da web oficial dos premios www.premiosmartincodaxdamusica.gal

Este premio sería un importante recoñecemento para un festival que se define pola súa orixinalidade, mesturando a inspiración na Gran Guerra Irmandiña coa actualidade, e ofrecendo unha programación que vai moito máis alá da música. A súa coñecida representación teatral co asalto ao castelo como acto central nun festival de música, a gastronomía irmandiña, o “Asaltiño” para os máis pequenos e a forte implicación veciñal son algúns dos seus sinais de identidade.

O Asalto ao Castelo de Vimianzo, recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia, foi finalista recentemente nos Iberian Festival Awards como mellor festa da península Ibérica.

Nos últimos anos, o Asalto fixo un esforzo especial por profesionalizar o festival sen perder o seu espírito asociativo, mellorando notablemente a súa comunicación e repercusión, promovendo diversas accións para lograr un festival máis sustentable e incorporando novos sistemas de pagamento e entradas, con pulseiras cashless, recargas en liña, zona gastronómica con food trucks, ampliación de zona de acampada, etc.

O Asalto ao Castelo combina, en definitiva, o marco dun festival de música para ir máis alá e completalo con múltiples actividades, dirixidas a públicos diversos e que son a cristalización unha acción veciñal e asociativa da que sentirse orgullosos.

Comparte!