Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

O Asalto ao Castelo celebra o seu fito como finalista dos XII Premios Martín Códax da Música

Portada · Novas · O Asalto ao Castelo celebra o seu fito como finalista dos XII Premios Martín Códax da Música

7

O Asalto ao Castelo de Vimianzo vestiuse de gala o pasado mércores, 28 de maio, para asistir á gran festa da música galega. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a entrega dos XII Premios Martín Códax da Música, unha noite na que o noso festival estivo presente como un dos tres finalistas na categoría de mellor festival de Galicia.

Aínda que finalmente o galardón non recaeu en Vimianzo, a organización do Asalto volve de Pontevedra coa cabeza moi alta e unha sensación de vitoria colectiva. Ser escollidos por un xurado profesional como un dos tres proxectos máis destacados de toda Galicia —entre as ducias de candidaturas presentadas— supón un recoñecemento de prestixio á nosa traxectoria, á nosa singularidade e ao traballo que, desde o asociacionismo, facemos na Terra de Soneira.

Esta décimo segunda edición dos premios será lembrada polas súas cifras de récord. Un total de 512 proxectos musicais inscribíronse no certame, o que dá boa conta da dificultade de chegar á gran final. Ademais, a resposta social foi masiva, con perto de 5.000 persoas participando nas votacións do público para decidir os gañadores nunha das edicións máis rifadas que se lembran.

Desde a Asociación Cultural Cherinkas queremos agradecer de corazón ás miles de persoas que emitiron o seu voto e nos amosaron o seu apoio nas redes sociais durante estas semanas. Estar alí, compartindo espazo co mellor da nosa industria cultural, é o resultado do esforzo de moitas mans voluntarias que, edición tras edición, fan posible o milagre do Asalto.

Este recoñecemento como finalistas é un impulso de enerxía para seguir traballando na vindeira edición.

Grazas a todas e todos por acompañarnos neste camiño!

Comparte!