Que foi a Guerra Irmandiña?
Fame, enfermidades, malas colleitas, guerras… Moitos males para un pobo que ve como os seus señores apertan aínda máis a situación aumentando as rendas ou mesmo inventando novos tributos que permitan manter o seu nivel de vida, xa que estaban a baixar os ingresos.
Os abusos de poder danse de moitas maneiras: secuestros, roubos, ameazas… Ante isto, o pobo entende que se rematou o seu “contrato” señor-vasalo, polo que despois de varias revoltas locais van preparar unha gran guerra para loitar pola xustiza.
Unha revolta legal que acaba en autogoberno
A Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) vai ser unha das revoltas sociais máis importantes de Europa, conseguindo en dous anos atacar e controlar practicamente todos os castelos galegos, os “niños de malfeitores”. Polo tanto, deixaron de pagarlles renda aos señores, que tiveron que fuxir deixando que a Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino de Galicia se gobernase a si mesma. Mesmo, co apoio do rei de Castela, Henrique IV, que se vía beneficiado polo ataque á nobreza que non lle era afín.
Campesiñado, si, pero tamén había outras irmandiñas
Os “pobos e xentes comúns” tiñan unha organización social e autogoberno practicamente alleo á Coroa. Nas asembleas participaba o campesiñado, burgueses das cidades, a Igrexa (agás os bispos que actuaban como señores feudais) e algún que outro nobre.
As grandes familias fuxiron ou agocháronse para pedir reforzos, que finalmente chegaron dende Portugal e de Castela. Os nobres truncaron un soño, pero non puideron reprimir con dureza o ataque popular, xa que fora unha acción lexítima, feita co apoio real, e ademais, como dicía Pedro Álvarez de Osorio, se aforcasen aos irmandiños nos carballos, acabaríase o choio, pois dixo “non me ía manter de carballos”.
Vimianzo, houbo revolta?
“A caída dos castelos” Que foi a Guerra Irmandiña?
Personaxes
O Castelo de Vimianzo funde as súas raíces no século XIII, seguramente unha gran torre (da que quedan restos no centro do patio de armas) da que foi evolucionando a fortaleza que vemos hoxe en día.
Aínda que a primeira familia da que temos constancia é a dos Mariño de Lobeira, a maior parte do tempo foi propiedade dos Moscoso, despois condes de Altamira, orixinarios de Santiago de Compostela.
Desde este castelo gobernábase practicamente todo o centro da Costa da Morte, pois Camariñas, Laxe; boa parte de Vimianzo e Zas; e mesmo parroquias de Cabana e Muxía eran consideradas provincia ou xurisdición de Vimianzo.
Normal, pois, que houbese desputas e liortas por conseguir a propiedade do castelo, queres coñecer algún dos seus personaxes?
Bernal Eáns de Moscoso
Xoana de Castro
Desde que queda viúva, vai ter un gran poder político e económico no panorama baixomedieval do Reino de Galicia.
Alonso II de Fonseca
Lopo Sanches de Moscoso
Evaristo Martelo
Aínda que non viviu no medievo, a el teríalle gustado, aínda que fose viaxar no tempo á época gloriosa dos seus antergos Moscoso. El foi o último morador do castelo, restáurao como casa de vacacións en 1870. Fidalgo, conservador e defensor da lingua e da cultura galegas, vai ser unha das persoas que participan do Rexurdimento e que entran na nova Real Academia Galega. Foi padriño de Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
Podes ver estes personaxes revivir na Historia Dramatizada do Castelo.
Símbolos
O ariete
Os escudos
Ademais destes dous escudos fundamentais, verás moitos creados pola veciñanza que decora as súas casas, desde brasóns históricos, como o dos Castro ou Fonseca, inventados, actualizados, ou que fagan referencia ao alcume familiar, reivindicando eses nomes que se están a perder pero que aínda hoxe seguen a identificar ás persoas no rural.
A auga e o lume
Os fachos e os tambores
Os defensores
Armas labregas
Os traxes
O castelo
Gastronomía medieval
Historia do festival
Durante máis de dúas décadas o Asalto ao Castelo de Vimianzo vense celebrando o primeiro sábado de xullo nesta localidade da Terra de Soneira. Desde o seu nacemento como noite de concertos folk até a completa semana de actividades, que incluso se estira durante as fins de semana anteriores, a festa medrou co traballo desinteresado da veciñanza vimiancesa, desde o asociacionismo. Visto o éxito e a repercursión social que estaba a tomar a celebración, o Concello decidiu tamén facer parte organizadora da mesma, tendo hoxe unha coordinada xestión entre as asociacións culturais Cherinkas e Axvalso, e tamén o Concello de Vimianzo. Ademais a colaboración doutras asociacións da comarca e persoas a título individual medra edición tras edición.
Non se pode deixar de citar neste repaso pola historia da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo algún dos grupos que participaron na noite de concertos. Desde os seus modestos inicios, o festival é xa referente no calendario musical do verán. Grandes grupos galegos como Xabier Díaz, Berrogüetto, Luar na Lubre, Susana Seivane, Lamatumbá, Sés, Heredeiros da Crus ou Budiño xa pisaron o escenario vimiancés. E tamén de fóra, como La Pegatina, Talco, Amparanoia, Celtas Cortos, Huntza, Kepa Junquera, e bandas chegadas desde países tan diversos como Italia, Hungría, Francia ou Cabo Verde.
1996
A festa comeza o 5 de xullo de 1996 no campo do pazo de Trasariz, cando se celebra a I Noite Folk, organizada pola asociación xuvenil AXVALSO. A previsión era realizar a festa no castelo, pero como os permisos non chegaron a tempo buscouse outra localización. A noite foi presentada polo actor Vicente Mohedano quen ao finalizar o festival comandou un improvisado “asalto ao castelo” inspirado no que no seu día fixeran os irmandiños. Armados con pandeiretas os festeiros achegáronse á fortaleza para rematar alí a foliada.
Este improvisado Asalto foi toda unha inspiración para a festa que nos anos seguintes xa vai comezar a contar cun ariete no medio do campo de Trasariz, o cal se convertiría co tempo no símbolo da festa.
1999
2001
En 2001 o que facía realmente singular ao festival, o Asalto ao Castelo, vai darlle nome á propia festa que até entón se chamaba Noite Folk. Até ese momento anunciábase no cartel como unha actividade engadida ademais dos concertos: “remataremos a festa asaltando o castelo”.
2002
2004
2006 - 2008
2010
Aniversario
2020 - Actualidade
A revolta do presente
Non é unha festa medieval, aínda que se inspire en feitos históricos da Idade Media, xa que mestura a inspiración histórica co mundo actual e os problemas da sociedade presente. Non é unha recreación histórica, o pobo vimiancés foi creando a través das décadas un espírito irmandiño propio e mítico que se traslada á estética da festa, actividades e á propia identidade local. É xa un novo patrimonio inmaterial co que Vimianzo é coñecido e recoñecido a nivel galego.
A súa singularidade reside en multitude de aspectos que van desde o propio feito de asaltar un castelo, a arqueogastronomía, o teatro como eixe central mesturado nunha noite de concertos de música de raíz, ou as diferentes e orixinais actividades que engrandeceron o evento ano tras ano.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha festa que se celebra o primeiro sábado de xullo desde hai máis de dúas décadas. Unha celebración que nacía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. Ese espírito segue vivo, a entidade organizadora é Cherinkas, sen ánimo de lucro e formada por xentes da Terra de Soneira, coorganizadora xunto co Concello de Vimianzo e Axvalso (entidade que iniciou a festa), alén da colaboración doutros colectivos sociais de toda a comarca.
O Asalto inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual.
O espectador pasa a sentirse un irmandiño máis, levándoo a vivir unha aventura fascinante: deixarase hipnotizar pola meiga, usará fachos para alumear o camiño, levará un ariete para romper a porta da fortaleza, loitará contra os defensores con globos de auga como única arma e deixarase encantar por cada un dos feitos que acontezan.
A representación teatral supón o eixo da festa no que se encaixan os concertos da noite, todos grupos de estilo étnico onde non pode faltar o folk. Pero hai máis, ao longo de todo o día quen se achegue a Vimianzo ten un grande repertorio de actividades ás que acollerse. Pensadas tanto para pequenos como para maiores, ambientadas, por suposto, no espírito medieval. Entre elas destaca a gastronomía, cos Pinchos Irmandiños (petiscos do século XV na hostalería local).
Os visitantes que participan da festa saben que non van a ningunha feira medieval, nin a unha festa histórica ao uso. Van participar dunha festa no que o teatro, a música, o deporte, a gastronomía, a cultura en definitiva, se mesturan nunha celebración participativa na que visitantes e veciños son os propios irmandiños, protagonistas dun pasado histórico actualizado e reinterpretado.