Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

Este é o cartel completo do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2026

Portada · Novas · Este é o cartel completo do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2026

7

A organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo fecha a súa proposta artística para a 29ª edición sumando aos valencianos Los de Marras e os galegos Quinkillada e Festicultores. Con eles, complétase un potente cartel con grandes referentes como ETS (En Tol Sarmiento), Dakidarria, De Ninghures ou Che Sudaka. Sen esquecer as novas promesas de Ulex e a festa da Yaya Dj.

Os novos irmandiños

A principal novidade estatal son Los de Marras. A banda valenciana, nada en 1995, chega a Vimianzo co seu autodenominado estilo “guarrocanrol”. Con letras directas e viscerais que falan de problemas sociais e sentimentos a flor de pel, o grupo é xa todo un clásico. Tralo éxito de discos como Surrealismo ou Peligro Esperanza, aterran no Asalto para presentar o seu último traballo, «Resumiendo…» (2025).

Completan o cartel dúas propostas galegas máis. Por un lado, Quinkillada, a banda morracense que sintetiza a alma da festa galega. Transitando pola cumbia, o rock e o ska, o grupo transformará o campo da Torre nunha pista de baile co seu repertorio enérxico e auténtico. Por outro, os míticos Festicultores Troupe, que dende 2005 levan cultivando a “festicultura” en máis dun milleiro de actuacións. Coa súa estética de vangarda e o seu “artefacto sonoro de tecnoloxía punta alieníxena”, volven a Vimianzo para liderar unha revolución de baile e humor no longo fin de festa.

Os xa anunciados

Con estas incorporacións, o 29º Asalto ao Castelo fecha o rebelde elenco para os días 3 e 4 de xullo:

  • En Tol Sarmiento: A banda máis escoitada en euskera e que enche estadios.
  • Dakidarría: A descarga de enerxía e compromiso da banda histórica do panorama galego.
  • Che Sudaka: A “punk reggae party” internacional dende Barcelona.
  • De Ninghures: A excelencia da nova música tradicional galega (Premio Martín Códax 2025).
  • Ulex: Grupo revelación con fusión rock e cumbia desde Compostela.
  • Yaya DJ: Unha aposta segura pola festa e o baile.

Aínda que a distribución por días manterase en segredo até completar todos os nomes, dende a organización —composta polas asociacións Cherinkas e AXVALSO xunto ao Concello de Vimianzo— apostan por un festival de dous días, o 3 e o 4 de xullo, onde tanto o venres como o sábado contarán con cabezas de cartel de primeiro nivel.

🎟️ Información importante: Abonos e Accesos

Lembra que esta edición trae novidades para mellorar a túa experiencia:

  1. Entrada necesaria: Para acceder ao recinto de concertos (tanto venres como sábado) será preciso dispor de entrada ou abono.

  2. Distribución por días: Manteremos o segredo un pouco máis, pero asegurámosche que tanto o venres 3 como o sábado 4 teremos cabezas de cartel de primeiro nivel.

  3. Abonos: Xa están á venda as entradas por días (venres e sábado) así como os abonos xerais para vivir a experiencia completa desta Festa de Interese Turístico de Galicia.

👉 MERCA AQUÍ A TÚA ENTRADA PARA O ASALTO 2026

Comparte!