Ao abeiro da festa do Asalto ao Castelo, organízase esta carreira popular o sábado 28 de xuño de 2025, vertebrada co Castelo de Vimianzo e cun percorrido de 5 km de distancia, mantendo o espírito simbólico da antiga unidade de medida: a legua.
Pouco despois do nacemento desta actividade, o alento popular cristalizou no club de atletismo vimiancés Terra de Soneira, coorganizador do evento xunto coa A. C. Cherinkas e o Concello de Vimianzo.
A carreira nace imbuída do espírito do Asalto, de tal xeito que a chegada ao Castelo estará ambientada e decorada para a ocasión, convertendo a meta nun momento único e simbólico. Ademais, trátase dunha das primeiras carreiras nocturnas da Costa da Morte, cun ambiente festivo e familiar.
Todas as idades terán acobillo nas distintas categorías que conforman a proba, dende a base ata a absoluta.
Como novidade, este ano as inscricións para a categoría absoluta estarán limitadas a 200 prazas, debido á capacidade do espazo interior do Castelo, onde se celebra o avituallamento final con carne á grella, sardiñas, sandía e cervexa, ademais da entrega de trofeos.
Desde o ánimo irmandiño, convidámosvos a participar e a asaltar ás carreiras o Castelo.
Arde Soneira!
