Con motivo da celebración da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, a A.C. CHERINKAS nesta XXVIII edición impulsa a XIII FEIRA ARTESANAL que se celebrará o sábado 5 de xullo de 2025.
Encadrada no programa de actividades do Asalto ao Castelo, volverá ter cabida na praza do Concello e na rúa Vázquez Mouzo e contará cos atractivos derivados da ampla variedade artística que animará esa zona en todo momento.
O prazo para apuntarse como feirante está pechado, os interesados en participar deberán ter en conta e aceptar as seguintes bases:
Débese formalizar a solicitude de praza en tempo e forma. O prazo para solicitar praza rematou o venres 6 de xuño. A inscrición será realizada, exclusivamente, de forma telemática a través do formulario que aparece enlazado na parte inferior. Para a solicitude de praza é requisito indispensable axuntar unha imaxe do posto na que se poidan ver os produtos que se venderán
Unha vez presentada a solicitude de praza, a organización, a partir do 6 de xuño, revisará as solicitudes presentadas e seleccionará un máximo de 15 postos, tendo en conta a participación en edicións anteriores, a orixinalidade, a calidade artesanal dos produtos, a variedade das propostas presentadas, e o equilibrio global da feira. As solicitudes que se queden fóra desta lista de 15 pasarán a ser suplentes e non caso de haxa algunha renuncia comunicaráselle para que formalicen a inscrición.
As solicitudes aceptadas deberán formalizar a inscrición dentro do prazo que se estipule. Para formalizar a inscrición debe aboarse a taxa estipulada de 25€ a través dunha transferencia bancaria ao número de conta (ES14 2080 0082 4630 4000 8967 – Abanca) onde conste claramente no concepto o nome do posto. A taxa é única e en ningún caso se fará a devolución da mesma unha vez se pague. Unha vez feita a transferencia debe enviarse o xustificante da mesma ao correo (feiraartesanalasaltoaocastelo@gmail.com).
O posto non deberá superar os 4 metros de largo. No caso de que as medidas rexistradas na inscrición non coincidan coas reais trala montaxe, a organización resérvase o dereito de impedir a participación.
O lugar e posición de cada posto estará marcado pola organización, polo que ningún posto se pode montar sen antes obter a autorización e as indicacións da súa posición. Debido a que no momento da montaxe se acumulan moitos coches na praza, os feirantes deberán descargar o seu material e sacar os coches tan pronto como poidan antes de poñerse coa montaxe. No caso de non seguir este procedemento a Policía Local terá potestade para obrigar ao desaloxo do coche ou mesmo multar. Para a recollida dos postos, non se poderá acceder á praza con coches antes das 21h, si alguén quixera desmontar antes, poderá facelo, pero sen entrar co coche na praza.
NON se aceptan postos de revenda nin de produtos de segunda man, tan só postos de venda de produtos artesanais. Tampouco se aceptan postos que ofrezan comida ou bebida. Porén, si se aceptan os produtos ecolóxicos/naturais, sempre que non estean destinados a seren consumidos durante a feira.
Prégase que os feirantes vistan ao xeito medieval e que decoren e ambienten o posto acorde á época que representa o Asalto.
A organización resérvase o dereito a excluír, o propio día da feira, a aqueles postos que non cumpran coas bases aquí establecidas, quedando estes fóra da feira artesanal. No suposto caso de realizar o ingreso e non cumprir coas bases actuais, os cartos non lle serán reembolsados. Do mesmo xeito, os cartos tampouco lle serán reembolsados se finalmente o posto non puidese asistir á feira.
Dado que na actividade do Asaltiño se utilizan pistolas de auga, nun momento puntual, é moi recomendable traer algún material para protexer a mercancía exposta no posto. A organización non se fai responsable da deterioración que se poidan producir.
Para máis información: feiraartesanalasaltoaocastelo@gmail.com
Sábado 5 de xullo
Todo o día
📍 Praza do Concello e na rúa Vázquez Mouzo



