Despois do primeiro concerto da noite, a música interrómpese para deixar paso ao teatro. Noutro escenario habilitado e decorado para a ocasión comeza o espectáculo. Cada ano a historia muda, pero todas teñen unha estrutura común.
Preséntase un conflito no que os señores feudais abusan do seu poder, estes mandan secuestrar alguén querido pola persoa protagonista e os soldados defensores lévano nunha gaiola até o castelo, a uns metros do campo da festa, pero visible desde o mesmo. A heroína ou heroe irmandiño repara no poder do pobo, e arenga ao público para que o acompañe até o castelo rescatar á persoa e acabar coa nobreza.
Comeza a “procesión” do ariete. Colócase o ariete de pé e báilase arredor del mentres se van acendendo os fachos, o lume ilumina o camiño mentres soan os tambores, cun ritmo característico que convida ao baile. Dez persoas, collen o ariete e bailan con el. Desde aí empezan a camiñar con todo o público cara ao foso do castelo.
Unha vez asentados no foso comeza o segundo acto, no que se produce a loita final entre a heroína ou heroe irmandiño e o malvado nobre. No medio desa loita o público fará parte da mesma, xa que comeza unha batalla de globos de auga entre os soldados defensores do castelo e o público congregado no foso, simbolizando a guerra irmandiña.
Unha vez acaba a loita, e perde o señor feudal o ariete vai entrar pola ponte levadiza, facendo varios intentos até que derruba a porta do castelo, nun momento de gran alegría, música e fogos de artificio, que simbolizan a destrución da fortaleza. Os irmandiños gañaron a partida, agora toca celebralo e volver ao campo da festa para bailar cos seguintes grupos dos concertos musicais.