Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

Desvelamos o primeiro avance de 2026 e activamos a venda de abonos!

Portada · Novas · Desvelamos o primeiro avance de 2026 e activamos a venda de abonos!

7

A maquinaria do festival irmandiño da Costa da Morte bota a andar. A organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo vén de facer público o primeiro adianto de grupos para a súa vindeira edición, que se celebrará o venres 3 e o sábado 4 de xullo.

Nesta 29ª edición, o festival aposta por unha proposta artística que combina grandes referentes da música galega, o talento emerxente e a mestizaxe internacional. Aínda que a distribución por días manterase en segredo ata completar o cartel, a organización promete dúas xornadas de troula ininterrompida co selo de calidade que caracteriza a este festival referente na Costa da Morte.

A selección de artistas para 2026 responde a un criterio de diversidade e coherencia co espírito de resistencia do Asalto:

Dakidarría: Unha banda xa histórica no panorama galego e mesmo estatal. Con máis de 20 anos de traxectoria e letras revolucionarias ata en doce linguas, promete unha gran descarga de enerxía na praza do Asalto.

Che Sudaka: Este colectivo de orixe suramericana e afincado en Barcelona traerá a Vimianzo o seu “punk reggae party”. Referentes internacionais da cumbia, o ska e a rumba, a súa música é unha invitación ao optimismo e á reflexión, herdeira do espírito festivo de bandas como Mano Negra.

De Ninghures: Recentemente recoñecidos co Premio Martín Códax da Música 2025, representan a excelencia na actualización da música popular galega. A súa mestría para fusionar coplas tradicionais con ritmos contemporáneos convérteos nunha das bandas máis interesantes da escena actual.

Ulex: A banda compostelá traerá ao Asalto a súa particular fusión de rock e ritmos de cumbia para presentar o seu disco debut, Lonxe de ti. Con esta proposta, Ulex confírmase como unha das revelacións musicais do ano.

Yaya DJ: Profesionalidade e eclecticismo para garantir que a música non pare, mesturando clásicos e sons actuais nunha sesión deseñada para todos os públicos.

Novidades na venda de entradas e abonos

Como principal novidade para este 2026, será necesario dispor de entrada para acceder ao recinto de concertos tanto na xornada do venres como na do sábado. Dende a organización —composta polas asociacións Cherinkas e AXVALSO xunto ao Concello de Vimianzo e a colaboración da Deputación da Coruña— explican que esta medida busca consolidar o evento como un festival de dous días con programación de primeiro nivel en ambas datas, aumentando considerablemente a oferta musical na noite do venres.

Para premiar ás irmandiñas máis fieis, hoxe mesmo activamos a venda de abonos promocionais a prezo reducido en woutick.es

 

 

Comparte!