Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

O Asalto ao Castelo traspasa fronteiras: finalista internacional nos Iberian Festival Awards

Portada · Novas · O Asalto ao Castelo traspasa fronteiras: finalista internacional nos Iberian Festival Awards

7

O festival vimiancés viaxou a Portugal tras ser escollido polo público entre os mellores eventos da Península Ibérica na categoría de “Best Festivity”.

O Asalto ao Castelo de Vimianzo vén de escribir unha nova páxina na súa historia, esta vez con proxección internacional. O pasado sábado, 15 de marzo, o portavoz da organización do festival, Manuel Rial, desprazouse ata o Pavilhão Multiusos 25 de Abril, en Almancil (Portugal), para participar na novena gala dos Iberian Festival Awards.

Por primeira vez, o noso festival optaba a un recoñecemento fóra das nosas fronteiras, competindo na categoría de Mellor Festa (Best Festivity). Tras un intenso período de votación popular no que o Asalto demostrou o poder da súa comunidade, logramos situarnos como finalistas entre o máis destacado de España e Portugal.

Aínda que nesta ocasión o premio ibérico recaeu no histórico Carnaval de Torres Vedras, o feito de que o Asalto ao Castelo chegase á gala final é un éxito sen precedentes. Compartir espazo e recoñecemento con eventos da talla do Bilbao BBK Live, Rock in Rio Lisboa ou o Resurrección Fest sitúa a Vimianzo no mapa da excelencia da industria musical e cultural da Península.

A gala celebrouse no marco do Talkfest – Music Fest Summit, o punto de encontro de referencia para os festivais ibéricos, onde este ano se puxo o foco en valores que o Asalto leva por bandeira: a sustentabilidade, a innovación e o compromiso co territorio.

A candidatura do Asalto destacou pola súa singularidade. Nun ano no que o festival fixo historia reunindo a máis de 3.000 persoas no mítico concerto de Manu Chao, os premios recoñeceron a nosa capacidade para revivir o pasado desde o presente.

Comparte!