As agardadas entradas para a XIV Cea Medieval sairán á venda este martes, 20 de maio, a partir das 12:00 horas. Esta tradicional cea, que se celebrará o venres 4 de xullo de 2025, é unha das actividades máis emblemáticas e con maior demanda dentro da programación do Asalto.
As entradas para a Cea Medieval, cun prezo de 35 euros, poderanse adquirir exclusivamente a través do asaltoaocastelo.gal ou directamente no portal de venda en liña woutick.es. Permitirase un máximo de 4 entradas por operación de compra, e estas serán nominativas.
O evento terá lugar no incomparable marco do foso do castelo, cun aforo limitado a 500 persoas. Xa se poden ir preparando as galas irmandiñas, porque é imprescindible asistir con vestimenta de época.
A noite do venres 4 de xullo non rematará coa cea, xa que, como é tradición, haberá concertos de balde a partir da medianoite, con Monoulious DOP, Che Sudaka e LaYaya DJ.
Aberta a inscrición para a Feira Artesanal
Paralelamente, a A.C. Cherinkas lembra que continúa aberto o prazo para que os artesáns interesados poidan inscribirse na XIII Feira Artesanal do Asalto ao Castelo. Esta feira celebrarase o sábado 5 de xullo de 2025 durante todo o día na praza do Concello.
Os/as interesados/as en participar como feirantes teñen ata o venres 6 de xuño para formalizar a súa solicitude de praza de forma telemática, a través do formulario dispoñible na web oficial do Asalto ao Castelo. A organización seleccionará un máximo de 15 postos, valorando criterios como a participación en edicións anteriores, a orixinalidade, a calidade artesanal e a variedade dos produtos.
Dende a A.C. Cherinkas animamos a todos os interesados a participar nestas actividades que enriquecen a XXVIII edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha festa que cada ano atrae a milleiros de persoas.