Festival en Vimianzo, Asalto ao Castelo

The Rapants, Heredeiros da Crus, Alana… Primeiro adianto do Asalto 2025!!

Portada · Novas · The Rapants, Heredeiros da Crus, Alana… Primeiro adianto do Asalto 2025!!

7

O Asalto ao Castelo de Vimianzo desvela o seu cartel para a noite do sábado 5 de xullo, que este ano contará coas actuacións de The Rapants, Heredeiros da Crus, Alana, Firkin e Mekanika Rolling Band. Nesta edición, será necesario adquirir entrada para acceder á noite completa de concertos, incluíndo a emblemática representación do Asalto ao Castelo. Como novidade, tamén se inicia máis cedo a actividade no Campo da Festa, cun concerto máis.

Un cartel de luxo para unha noite histórica: novidades e reencontros

O Asalto ao Castelo, a gran festa irmandiña da Costa da Morte, organizada polos colectivos Cherinkas, Axvalso e o Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación da Coruña, presenta un cartel que promete unha noite inesquecible.

O público irmandiño poderá gozar da enerxía contaxiosa de The Rapants, o grupo de moda en Galicia, do regreso aos escenarios de Heredeiros da Crus, a mítica banda de rock en galego, da innovadora mestura de música tradicional e ritmos contemporáneos de Alana, da festa celta de Firkin e do espectáculo da electrocharanga Mekanika Rolling Band.

Promete ser unha edición emocionante, co regreso ao festival dos Heredeiros da Crus e de Firkin, banda húngara que conquistou o corazón do Asalto. Ademais, asistiremos a un concerto especial de Alana, grupo que, con raíces vimiancesas, xa fixo vibrar ao público na Muiñada.

Entradas xa á venda con desconto de lanzamento

As entradas para a noite do sábado 5 de xullo xa están dispoñibles en woutick.es, cunha oferta limitada de desconto polo lanzamento.

Este é o primeiro anuncio, pero aínda queda moito por desvelar, especialmente a noite de concertos do venres 4 de xullo. O festival posterior á Cea Medieval si continuará sendo de entrada gratuita.

Proximamente irá desvelándose máis información sobre o proceso de entradas, no que se contemplan convites gratuítos para as persoas menores de 12 anos e as maiores de 65 do concello de Vimianzo.

O Asalto ao Castelo: moito máis que música

O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha celebración única, declarada Festa de Interese Turístico, que se inspira na Gran Guerra Irmandiña do século XV. Ademais dos concertos, o programa inclúe a representación teatral do asalto, a tradicional Cea Medieval, o Asaltiño para os máis pequenos, o desfile das Irmandades Parroquiais, os Pinchos Irmandiños ou a Feira de Artesanía.

Comparte!