Por primeira vez o Asalto ao Castelo de Vimianzo opta a un recoñecemento a nivel internacional: opta á categoría de Mellor Festa nos Iberian Festival Awards. Hoxe anunciáronse as diferentes candidaturas deste certame que premia a organización e outros aspectos de festivais de toda a península Ibérica.
Para poder conseguilo ábrese un período de votacións na plataforma online talkfest.eu/2025-nominees onde se poderá encontrar o Asalto na categoría “Best Festivity” ao lado doutras propostas da península Ibérica. Pode votarse unha vez por día, até o 17 de xaneiro. O resultado final darase a coñecer o 15 de marzo nunha gala de premios que terá lugar en Almancil (Loulé), Portugal.
Os Iberian Festival Awards son uns premios anuais que celebran os mellores festivais de música en Portugal e España. Son unha iniciativa da APORFEST – Asociación Portuguesa de Festivais de Música, en colaboración coa española AFE – Asociación de Festivales de España. O obxectivo principal é recoñecer a excelencia e a innovación na industria dos festivais de música ibéricos, premiando os mellores en diversas categorías. Na última edición foron recoñecidos festivais como o Bilbao BBK Live, o Meo Kalorama, ou os galegos SonRías Baixas, O Son do Camiño ou Ribeira Sacra.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo está nomeado a Mellor Festa, trala súa longa traxectoria moi preto xa das trinta edicións, e nun ano de gran éxito no que se conseguiu reunir a máis de tres mil persoas nun xa histórico concerto de Manu Chao. Música, teatro, gastronomía e un programa intenso durante varios días de plena activación social fan do Asalto ao Castelo unha festa única, diferenciada dunha clásica festa histórica, pois a súa esencia é revivir o pasado desde o presente. Inspirarse nas revoltas da Gran Guerra Irmandiña do século XV para traelas ao día de hoxe. A súa singularidade, diversidade e a implicación veciñal valéronlle a distinción como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte do Consello da Xunta.